Línea Verde
Tomiño

Ana Isabel Forneiro, homenaxeada no Acto Cívico do Alivio 2026

Fecha de publicación: 06/09/2026

O Concello recoñece o labor da matrona que durante 40 anos acompañou a varias xeracións nun camiño marcado polos coidados e a defensa da liberdade das mulleres


 


Foto: Gustavo Rivas


 


Corenta anos dan para ver nacer moitas vidas, pero tamén para axudar a cambiar a maneira de vivilas. O Concello de Tomiño homenaxeará este ano no acto cívico das Festas do Alivio a Ana Isabel Forneiro González, matrona do Centro de Saúde de Tomiño desde 1986 que acompañou durante catro décadas a varias xeracións de mulleres e familias do municipio.


O recoñecemento celebrarase o sábado 12 de setembro, ás 21.00 horas, na Praza do Seixo, nun acto co que Tomiño quere agradecer unha vida profesional dedicada non só á saúde das mulleres, senón tamén á súa autonomía, ao seu benestar e ao seu dereito a decidir.


A alcaldesa, Sandra González, destaca que “Ana forma parte da memoria afectiva de Tomiño. Acompañou a mulleres embarazadas que anos despois volveron á súa consulta coas súas propias fillas, viu medrar familias enteiras e estivo presente en momentos moi importantes das súas vidas. Pero, sobre todo, fíxoo sempre desde a escoita, o respecto e a vontade de que cada muller puidese tomar as súas propias decisións”.


Nada en Vigo en 1962, Ana Isabel Forneiro estudou Enfermaría en Santiago e chegou á especialidade Obstétrico-Xinecolóxica case por casualidade. Ela mesma recoñece que ser matrona non estaba inicialmente nos seus plans, pero aquela elección acabou marcando toda a súa vida.


Chegou a Tomiño en 1986 buscando un destino próximo á súa cidade natal e atopou un lugar no que acabaría desenvolvendo toda a súa carreira profesional e boa parte da súa vida persoal. Ana chegou cunha ollada aberta e coa convicción de que había outra forma de exercer a profesión. Xunto cunha xeración pioneira de matronas do sur de Pontevedra, compartiu coñecementos, promoveu formación e buscou novos recursos para transformar unha atención que quería levar moito máis alá da preparación para o parto.


“Ana axudou a abrir espazos de liberdade nun momento no que moitas cuestións relacionadas coa saúde e coa sexualidade das mulleres permanecían silenciadas. Fíxoo sen grandes discursos, desde o día a día, dando información, confianza e alternativas para que cada persoa puidese escoller o seu propio camiño”, recalcou a rexedora.


Case corenta anos despois da súa chegada, Ana mira cara a atrás con agradecemento e recoñece que Tomiño tamén a transformou. “Atopeime con moita bondade, moita tenrura, moito amor, moito cariño. Eu voume empapada de todo iso”, explica. Unha carreira profesional que ela resume cun sentimento recorrente: sentirse afortunada polas compañeiras e compañeiros, polas mulleres que confiaron nela e polas familias que lle abriron as portas das súas vidas.


O acto cívico das Festas do Alivio servirá así para devolverlle simbolicamente unha pequena parte de todo o recibido durante estas catro décadas. Porque Ana chegou a Tomiño para exercer como matrona e acabou acompañando a vida de todo un pobo.


The post Ana Isabel Forneiro, homenaxeada no Acto Cívico do Alivio 2026 appeared first on Concello de Tomiño.